miércoles, 8 de agosto de 2012

Por poñer algo...

Non me achego aquí para poñer nada especial. Coa que está caendo aí fóra a verdade é que non me apetece nada! 
Leo os xornais e só se ven malas novas. Que se a economía vai mal, que se pechan os contenedores do lixo, que se despiden a xente, que... se vai calor! 
Quizais tería que volver aos meus mundos de Yupi, onde todo o mundo é feliz! Aínda que unha vez saes deles é moi difícil volver. 
Polo pronto, vou acencer o aire acondicionado... a ver se non se me quenta a cabeza de tanto pensar!! 
Ata a próxima!. 

lunes, 16 de abril de 2012

Tres anos...

E xa van alá tres anos dende que Feijoo tomou posesión da cadeira de Presidente da Xunta... Como pasa o tempo!!


sábado, 24 de marzo de 2012

Un día na vida...

Hoxe non é máis ca un día máis na miña vida. Coma onte, como mañán. Unha aventura... 

Tiñan que ser 170 km, e foron 200. 
Tiña que ter chegado en dúas horas, e tardei catro. 

Puxen música no CD do coche, as gaitas e os ritmos de Lamatumbá encheron o habitáculo. Había anos que non escoitaba música galega no coche, doíame. 

Kilómetro a kilómetro íame adentrando na miña terra de acollida, chegaban á miña cabeza recordos doutro tempo, onde había que ir aquí, había que ir acolá. Esta vez, non. Non había que ir, ía porque eu quería, deixábame levar polas rodas do meu coche, cantando, xa chegarei. Estábanme agardando cos brazos abertos. 

Rimos, rimos ata que nos doeron os abdominais, pola falta de costume. 
Ceamos o primeiro que atopamos. 
Falamos, falamos, falamos. Falamos de onte, de hoxe, de mañán.  

Hoxe foi un día máis na miña vida. Un día onde me decatei que o pasado xa pasou, e que o mañán depende das decisións tomadas no último minuto, case sen pensar, deixándose levar polo corazón, escoitando o que ten que dicir, que adoita ter máis sentido que o que propón a cabeza...

Hoxe volvín facer "click", non sei cantos levo xa... pero quizais mañán haxa otro... non fai falta pensar!! 

viernes, 9 de marzo de 2012

Paciencia

Ufff - Bufff!!!*  Una, dúas, tres veces...

Ufff - Bufff!!!  Continuo, mentres vexo pasar o tempo. O segundeiro do meu reloxio non se detén.

Ufff - Bufff!!! Repítome esa palabra, unha, cen, mil veces. Preciso agarrarme a ela con forza porque sen ela, penso que podo estoupar. O meu corazón móvese máis rápido do que a miña caixa torácica está disposta a soportar, semella que quere sair do seu sitio. Pum, pum, pum, pum...

Paciencia, penso. Paciencia, todo ha chegar, no seu momento xusto. Paciencia, todo volverá ao seu cauce. Paciencia, xa se verá. Paciencia, as cousas han cambiar. Paciencia, e así unha vez detrás de outra.

E as cousas non chegan, porque querendo ou sen querer, agardo por por elas. E por máis que intente tranquilizarme, por máis que respire fondo, por máis que... seguirei precisando paciencia.

Pero, pensandoo ben... para que tanta paciencia? O que quero, queroo xa! E cando o teña quererei outro, outra viaxe, outro día de festa, outro traballo, outro cadro, outra foto, outro trebello, outro...

Non, o que preciso non é paciencia, o que preciso é o mundo! Algunha idea para facerme con el?


*(Inspirar - Expirar)

miércoles, 7 de marzo de 2012

Cuadrícula

Cuadrícula: Conxunto de cadrados que resulta de cortarse perpendicularmente dúas series de rectas paralelas.

Recta: A liña máis curta entre dous puntos.

Punto: Obxecto ou marca visible de pequeno tamaño, polo xeral de forma redonda, que destaca sobre unha superficie.

Superficie: Límite ou término dun corpo, que o separa e distingue do que non é el. 

Corpo: Aquilo que ten extensión limitada, perceptible polos sentidos.

Sentidos: Olfato, gusto, tacto, oído e vista. A través deles chegan ao noso cerebro un mundo de informacións, que nos axudan a entender o que hai fóra do noso corpo, máis alá da nosa superficie, ata que chegamos a un punto que nos preguntamos se paga a pena seguir esa imaxinaria liña recta que un día nos trazamos e que conforma a nosa cuadrícula na que convertimos a nosa vida, ou polo menos iso ao que chamamos vida.

martes, 6 de marzo de 2012

Probabilidades

A probabilidade de atopar unha agulla nun palleiro é directamente proporcional ás ganas que teñas de tumbarte á bartola e botar a siesta pracidamente sen que nada te moleste.
A probabilidade de atopar sitio para aparcar diante do sitio ao que vas, é case nula cando tes moita presa.
A probabilidade de que alguén te espere coa cea feita cando chegas de traballar é inexistente cando vives só/soa.
A probabilidade de... vai ser que non a vou a estudar, porque seguro que atopo a agulla, teño que aparcar no quinto carallo, e se quero cear terei que chamar ao chinés da esquina!!!
Probabilidades de que isto cambie?

lunes, 5 de marzo de 2012

Casualidades da vida...


Na última entrada, falábavos da galeta, das galetas que fabricara unha máxica tarde de sábado. Logo desa tarde, viñeron outras... e as galetas van disminuindo, pero ela sigue aí. Como símbolo do que foi esa tarde, do que se fixo esa tarde, do que se falou esa tarde.

Mentres fabricabamos galetas falabamos de todo un pouco. Dos tempos de crise que vivimos, do que pensabamos que ía ser das nosas vidas no tempo de instituto, de amores, de desamores, de xeitos de vivir, e tamén de xeitos de morrer. Quizais non de morte matada, nin de morte sen volta a atrás. Falamos, e moito, desa vida que é como estar morto mentres respiras. Esa maneira de facer as cousas que eu chamaría pasar pola vida. Que si, que estamos aquí, pero... podiamos non estar, porque nada facemos por disfrutar, por vivir, por loitar por aquelo que queremos. Falamos do mundo, da realidade, do mundo real. Algo que, aínda que non volo pareza, para min é como estar falando de Marte, ou de Xupiter... pero é.

Logo da sesión fotográfica dos doces, veu o percorrido polas páxinas. A galeta chamou a atención no Facebook cun... "Que bonita!! E pode comerse?". Chamou tamén a atención no Cabozo, onde case me fan engordar, e non por comer a galeta, se non polos piropos que recibiu. E como non ía ser menos... tamén no twitter. Empezase por chamar a atención cunha galeta, e logo non se sabe como remata a cousa. Aínda que para avisar de como pode rematar, vanche poñendo avisos, que de ti depende saber interpretalos.

O caso é que logo de publicar a galeta, teño máis seguidores de twitter, será un sinal? Logo de publicar a galeta, a xefa está de mellor humor co mundo. Logo de publicar a galeta... Teño un mundo de cousas que facer, e ningunha gana de facelas. Vou durmir, que xa son horas!!! AB.

Haberá que facerlle caso aos sinais, ou ás casualidades da vida? Aínda que hai quen di que as casualides son estadisticas...

miércoles, 29 de febrero de 2012

Unha tarde moi doce...

Esta galeta non naceu para ser comida, naceu para ser unha estrela: facebook, cabozo, twitter...

Naceu unha tarde de sábado, da man de dúas mulleres que tiñan moito do que falar, que tiñan moito que facer.

Batendo ovos, derretindo a manteiga, medindo o azucre, e falando, falando e amasando o que logo serían as galetas.

Entre confesións déronlles forma: bolboretas, cogumelos, estrelas, flores, lúas e corazóns. E metéronnas no forno, cando saíron, xogaron a non queimarse a lingua, bromeando de que non ían chegar á hora do té.

Todas as galetas acabaron pintadas: vermellas, azuis, verdes, blancas,... Unha estrelada!!

"i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa."

A galeta naceu un 25, un 25 de febreiro, pero calquera momento é bo para ter unha tarde doce, só fai falta ter os ingredientes necesarios para fabricalo: azucre, fariña, manteiga, ovos, boa compañía, e amor... moito amor.