lunes, 5 de marzo de 2012

Casualidades da vida...


Na última entrada, falábavos da galeta, das galetas que fabricara unha máxica tarde de sábado. Logo desa tarde, viñeron outras... e as galetas van disminuindo, pero ela sigue aí. Como símbolo do que foi esa tarde, do que se fixo esa tarde, do que se falou esa tarde.

Mentres fabricabamos galetas falabamos de todo un pouco. Dos tempos de crise que vivimos, do que pensabamos que ía ser das nosas vidas no tempo de instituto, de amores, de desamores, de xeitos de vivir, e tamén de xeitos de morrer. Quizais non de morte matada, nin de morte sen volta a atrás. Falamos, e moito, desa vida que é como estar morto mentres respiras. Esa maneira de facer as cousas que eu chamaría pasar pola vida. Que si, que estamos aquí, pero... podiamos non estar, porque nada facemos por disfrutar, por vivir, por loitar por aquelo que queremos. Falamos do mundo, da realidade, do mundo real. Algo que, aínda que non volo pareza, para min é como estar falando de Marte, ou de Xupiter... pero é.

Logo da sesión fotográfica dos doces, veu o percorrido polas páxinas. A galeta chamou a atención no Facebook cun... "Que bonita!! E pode comerse?". Chamou tamén a atención no Cabozo, onde case me fan engordar, e non por comer a galeta, se non polos piropos que recibiu. E como non ía ser menos... tamén no twitter. Empezase por chamar a atención cunha galeta, e logo non se sabe como remata a cousa. Aínda que para avisar de como pode rematar, vanche poñendo avisos, que de ti depende saber interpretalos.

O caso é que logo de publicar a galeta, teño máis seguidores de twitter, será un sinal? Logo de publicar a galeta, a xefa está de mellor humor co mundo. Logo de publicar a galeta... Teño un mundo de cousas que facer, e ningunha gana de facelas. Vou durmir, que xa son horas!!! AB.

Haberá que facerlle caso aos sinais, ou ás casualidades da vida? Aínda que hai quen di que as casualides son estadisticas...

miércoles, 29 de febrero de 2012

Unha tarde moi doce...

Esta galeta non naceu para ser comida, naceu para ser unha estrela: facebook, cabozo, twitter...

Naceu unha tarde de sábado, da man de dúas mulleres que tiñan moito do que falar, que tiñan moito que facer.

Batendo ovos, derretindo a manteiga, medindo o azucre, e falando, falando e amasando o que logo serían as galetas.

Entre confesións déronlles forma: bolboretas, cogumelos, estrelas, flores, lúas e corazóns. E metéronnas no forno, cando saíron, xogaron a non queimarse a lingua, bromeando de que non ían chegar á hora do té.

Todas as galetas acabaron pintadas: vermellas, azuis, verdes, blancas,... Unha estrelada!!

"i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa."

A galeta naceu un 25, un 25 de febreiro, pero calquera momento é bo para ter unha tarde doce, só fai falta ter os ingredientes necesarios para fabricalo: azucre, fariña, manteiga, ovos, boa compañía, e amor... moito amor.


lunes, 2 de mayo de 2011

O "Dimoni" xa está aquí...

Xa está aquí, como cada ano, fiel á súa cita. O "Dimoni" de Badalona, xa está plantado na praia...
Este ano, seica quere parodiar aos petrodólares, aos especuladores, á xente que manexa o mundo...
Aquí tedes unha foto, que xa sabedes que vale máis que mil palabras!!

jueves, 13 de enero de 2011

Ao final... non eran só os nervos!!


Logo de 23 anos, cumpríronse a semana pasada.
Logo de moitas dores e ardores de estómago.
Logo de non comer nada cru, nin beber coca-cola, nin comer xeados.
Logo de moitas comidas, e moitos xexúns.
Logo dalgunhas probas, máis ou menos molestas.
Logo da historia do meu pai...
Por fin atoparon algo no meu estómago!
Non estou tola. As cousas non as digo porque si, nin por querer chamar a atención. Todo tiña unha explicación. Chámase Helicobacter Pylori, tamén coñecida como... HP. Mellor non escribo o que me ven á cabeza con estas iniciais... pero a verdade é que mo fixo pasar mal. Agora, cun pouco de sorte e os antibióticos axeitados, en 7 días... adeus. Logo virán as comprobacións dos danos colaterais, se é que os hai. Espero que non.

miércoles, 22 de diciembre de 2010

Feliz solsticio de inverno....


Quizais hoxe teño o día demasiado sensible, e pregúntome cousas que outros días non me preguntaría. Busco explicacións que outro día non buscaría. E só vexo o lado filosófico das cousas. Un día coma este, quizais, o que tería que facer é mergullarme nunha bañeira de auga quente, con sales perfumadas, a luz dunha ou dúas velas e música suave; e esquecerme de que o mundo existe. Esquecerme de que por máis que o desexe, as cousas non van ao meu ritmo (rápido por natureza) e que teño que deixar que se asenten, que maduren, que teñan a súa evolución propia.
Quizais é porque hoxe é o solsticio de inverno, a noite máis longa do ano. Un solsticio que ademais este ano vai acompañado dun eclipse luar, cousa que non pasaba dende había 456 anos. E que non volverá a pasar ata... que eu teña 120 anos!!!
Agora estou pensando que me encantaría poder compartir con alguén un paseo pola praia, mirando como a lúa vai tornandose alaranxada, como vai desaparecendo, e como volve a aparecer... renovada, espléndida, coma un "ave fenix". Pero iso só é un pensamento... Supoño que logo estarei durmindo, e que mañán é outro día, e que axiña chegará o verán!!.

domingo, 21 de noviembre de 2010

Pantalla do PC...


Acabo de instalar o pc nunha nova mesa. Ben, debaixo da mesa. O teclado onde debe estar, o rato ao seu carón. As pernas ben colocadas. A cadeira, cómoda. Os altofalantes... a carón da pantalla. Ah!!! A pantalla... Cando estaba en Compostela facíame ver a vida de cor rosa, porque esa era a cor predominante. Agora... vexoo todo de cor azul. Sen comentarios.
Seica mañán terei que ir de compras, pero... co Nadal enriba ter que gastarme unha pasta nunha pantalla, non me fai nin pizca de graza.
Apelarei ás xentes caritativas, a ver se consigo algo a bo prezo!!!

Ricuras...

Non hai máis que dicir. Este é un deses casos que unha imaxe vale máis ca mil palabras.

Din que o chocolate é o sustituto de moitas cousas, e se é con nata... cobre máis ocos aínda.

Este, comino logo de catro croquetas e unha fanta de laranxa.

Non é unha comida moi equilibrada dieteticamente falando, pero... a min gustoume!!

Non vos conto máis... RIQUÍSIMO!!