miércoles, 23 de septiembre de 2009

"Si será feo trabajar, que es por lo único que te pagan"

Esta frase... ai! esta frase. Esta frase espetouma o primeiro xefe que tiven na miña vida, na primeira entrevista de traballo que facía, nos primeiros 5 minutos da conversa. Tedes que "escoitala" con acento arxentino, e imaxinar que quen vola dice é un tipo duns cuarenta e moitos, con pelo cano, ollos azuis e sorriso moi pícaro...
Non, non é ningunha "boludez", é unha verdade como unha catedral, e se vos parades a pensar... ten razón e todo!!!
Pois nesta reflexión entro sentada na cadeira da que vos falaba o outro día, mentres encargo por teléfono o que será o acougo das miñas posadeira ao longo de moitas horas, moitos días, e... uns cantos anos, unha cadeira nova!!!
O traballo que realizo, en si, non está mal. É bastante descansado, ten momentos máis movidos, e momentos máis relaxados. Tempo para aprender cousas novas, e tempos para realizar traballos monótonos e coñecidos, pero non por iso menos importantes. O realmente feo é... a cadeira!!!
Comezando porque desentona co entorno -é de cor azul eléctrico, e debería ser negra como as súas compañeiras de habitación-, continuando porque non ten repousa brazos, e seguindo porque o respaldo pode caer en calquera momento... que máis queredes que vos diga?
Que nuns días estrearei cadeira nova. Cando a teña... xa lle farei unha foto.

martes, 22 de septiembre de 2009

O duro traballo de buscar piso


Non é o mesmo buscar piso nunha cidade pequena, ca nunha vila perto dunha gran urbe. Non é o mesmo buscar piso para dous, que para un. Non é o mesmo buscar piso amoblado, que sen mobles. Non é o mesmo que estea a carón do centro, que a 20 minutos camiñando. Non é o mesmo que teña aparcamento, que que non o teña. Non é o mesmo un piso, ca un estudo. Non é o mesmo a fianza que o que hai que pagarlle á inmobiliaria (a cantidade de euros si, a diferencia estriba en que a primeira tes opción a que cha devolvan, a segunda... non!). Non é o mesmo alugarlle a un particular, que a unha promotora/inmobiliaria. Pero, sobre todo, non é o mesmo vivir só que vivir en casa dos teus pais!! E por esta "pequena" diferencia, estou disposta a seguir traballando no duro oficio de buscar piso, aínda que teña que pintalo, mercarlle todos os mobles, a lavadora e mais a neveira.

jueves, 17 de septiembre de 2009

Xoves...

Choveu, fixo sol e... queda un día para rematar a semana, co cal, o casanzo -as longas horas de traballo semanal- vai facendo mella no meu corpo.
Niso da mella contribuen moito a cadeira e mais a mesa de traballo, había tempo que non empregaba un algo tan incómodo; coido que... dende a última vez que puxen talóns para ir a unha cea destas de alto copete, ou daquela que me empeñei en poñer uns texanos unha talla máis pequenos do que precisaba para ir a algún evento "casual"... cousas da xuventude!!!
Tamén foi día de reparacións. Apreta aquí uns parafusos, cambia isto e pono alá, e... apaga o pc e volve a encendelo a ver se agora funciona. Aínda que non se achegou ninguén a ver se me arreglaba a min, e... unha masaxiña non me viría nada, nada mal, porque logo de introducir un mundo de datos no computador, e non poder botar unha cabezadiña pola graza da xente que se presenta sen avisar e antes de tempo... ando derreada.
Ben, que xa só me queda ir á compra, e chegar a casa, para quitar os zapatos, e tirarme no sofá a agardar que a cea se faga soa... porque hoxe comezo a gozar da soedade, polo menos durante 12 días!!!

miércoles, 16 de septiembre de 2009

Agardando que chegue... o tren




Onte pola tardiña, debía estar inspirada. Logo de plasmar as primeras verbas nesta páxina, déume por facer fotos. E eis aquí unha delas, na estación do tren.

Seica estaba máis inspirada onte cando a fixen, que hoxe que lle quero dedicar unhas liñas, pero... como dí o refrán: "Una imagen vale más que mil palabras"... pois iso, deixovos coa imaxe, e as mil unha palabras, xa as escribirei outro día.

martes, 15 de septiembre de 2009

Hoxe...

Comeza unha nova andaina.
Boto a pacer a miña lingua para dicir a través deste blog cousas que... me chamen a atención, que me apeteza dicir, que quera contarvos ou que... vai ti a saber.
Non é que nunca botara a miña lingua a pacer, seica levo anos facendoo: radio, webs, tertulias, conversas cos amigos, etc. Pero esta vez, quero que sexa un proxecto máis meu, máis das miñas interioridades, das miñas filias e fobias, do eu que son ou do que quero chegar a ser. Ao mellor todo queda en comentarios sustanciais (ou insustanciais, no peor dos casos), en fotos de biscoitos, ou en reflexións que a ninguén lle importan máis que a min, pero... a idea é poñerlle palabras a todo aquelo que o precise, segundo a miña particular maneira de ver as cousas.