sábado, 5 de noviembre de 2016

A relatividade do tempo


2016, era o meu ano. Sabíao. Seleccionáranme a min, tras un riguroso casting físico e psicolóxico entre outros moitos candidatos para un importante estudo. Tratábase de tomar un fármaco psicoestimulante similar á anfetamina, e baixo os efectos desta dopaxe cerebral, eu tiña que facer vida normal. A que lle chamarían estes vida normal? 

Así que o martes tomei dous comprimidos de metilfenidato despois do almorzo. Tomeinos cunha mestura de curiosidade e medo, porque o día de antes non tiven nada mellor que facer que ler o prospeto, e alí viñan unha chea de efectos secundarios, pero aínda así, tomeinos. Unha hora máis tarde, chegaba ao traballo, e fíxenme un café con leite. Xa sabedes, un mundo de leite, e un chisco de café, para sacar o sono. 

Funo bebendo aos poucos, intercalando os traballos rutinarios. Un grolo mirando a bandeixa de entrada; outro grolo repasando os correos que tiña que contestar, e o derradeiro, ao enviar o report do día anterior ao xefe. O café, aínda estaba quente. 

Sen decatarme, xa estabamos a venres. Sorprendentemente, a semana pasara voando. Continuei metodicamente coa medicación, todos os días á mesma hora, tomaba as miñas dúas pastillas de metilfenidato, "Glups" como lle chamaba eu cariñosamente. Glups, porque ese era o ruido que facía eu cando as tomaba. Glups, porque metilfenidato soaba mal, moi mal, e o que eu tomaba, sentábame ben, moi ben. 

Logo de tres meses, un martes tamén, case queimo co café da mañá. Eu seguira a miña rutina, pero ao café non lle dera tempo de enfriarse. Cada día fago as cousas máis rápido, pensei. Chegado o día, volvín ao hospital, para facer as probas de control requeridas. Alí, ninguén sabía nada do estudo. Era o ano 2019, se é que o tempo é tan relativo... 



sábado, 8 de agosto de 2015

Cinco da tarde... 17 horas

Xa son as 5, dun sábado de verán. Non vai frío, pero tampouco moita calor. Estírome na hamaca mentres escoito a música das follas movéndose. Eu tamén me movo... O abaneo transpórtame a outro mundo. Pracida, descanso en brazos de Morfeo. 

martes, 3 de febrero de 2015

Para os días de choiva... paraugas de cores!


Teño unha amiga que di que a partires dos 40, unha muller debe ter un paraugas de cores. As razóns dela, teño que confesar que non as coñezo, pero podería contarvos algunha das miñas para empregar o colorido accesorio.

Os días de choiva acostuman ser grises, fríos, lúgubres, anodinos, e todos os apelativos negativos que se vos ocorran. Baixan as presións atmosféricas, é por iso que chove. Baixa o noso estado anímico. E baixa a auga escorrentando polas rúas. Pero sobre todo, baixan as pingas de auga levadas pola forza da gravidade dende as nubes ata o chan.
E logo de tanta baixada, sería bo que algo subise, non si? Podemos subirnos a unhas botas impermeables cun talón un chisco alto, deses que fai que o noso punto de vista do mundo cambie. E postos a cambiar, cambiemos tamén a forma de ver as cousas. Que chova, non é malo, porque a auga rega os hortos, os campos, e as flores. Límpanse as rúas, as estradas, os coches e o ceo. Vanse os grises neboeiros e abrolla o sol deixándonos un benquerido arco da vella, composto por cores. Que mellor para chamar ás cores que un paraugas?

lunes, 1 de diciembre de 2014

Tom, tom... Tómbola!

Mentres escoito "La vida es una tómbola" na radio, e vexo como chove pola fiestra, penso nos últimos días, meses, anos...
Si, realmente a vida é unha tómbola, ou quizais unha ruleta que non para de dar voltas. Voltas provocadas por decisións; decisións tomadas ou evitadas. Iso vén sendo a vida, tomar decisións. Equivocarse, rectificar, prometer non volver a equivocarse no mesmo punto, acertar, e volver a caer para volver a levantarnos. Estamos condeados a repetir os erros dos que non aprendemos, a preguntarnos porque nos pasan a nós estas cousas, que fixemos para merecer isto. Eu cheguei á conclusión que máis que o que fixemos ou facemos, e o que NON fixemos nin facemos. Tomar consciencia, e actuar en consecuencia.


lunes, 24 de noviembre de 2014

Novembro 2014

Precisaba un título para comezar o post. Que mellor que unha data para ir organizando as ideas. Ideas que hai tempo que non plasmo, non por falta de ganas, nin de tempo; por falta de... organización.
Ao longo do tempo no que me mantiven afastada da pantalla, da escrita, do mundo, pasaron un mundo de cousas. Unhas boas, outras non tan boas. Pasou a vida, un cacho dela, e eu dediqueime a vivila.
Esa quizais é a diferencia deste tempo vivido con outros tempos pasados. Agora penso no aquí e agora, sen importarme obsesivamente o que virá, sen darlle máis oco no meu pensamento que o estrictamente necesario ao que xa pasou.
Os plans a longo prazo non van máis alá de 6 meses. A memoria histórica está arquivada no fondo, comprimida, aillada para que non destorbe o funcionamento da unidade e relentice os procesos.

miércoles, 8 de agosto de 2012

Por poñer algo...

Non me achego aquí para poñer nada especial. Coa que está caendo aí fóra a verdade é que non me apetece nada! 
Leo os xornais e só se ven malas novas. Que se a economía vai mal, que se pechan os contenedores do lixo, que se despiden a xente, que... se vai calor! 
Quizais tería que volver aos meus mundos de Yupi, onde todo o mundo é feliz! Aínda que unha vez saes deles é moi difícil volver. 
Polo pronto, vou acencer o aire acondicionado... a ver se non se me quenta a cabeza de tanto pensar!! 
Ata a próxima!. 

lunes, 16 de abril de 2012

Tres anos...

E xa van alá tres anos dende que Feijoo tomou posesión da cadeira de Presidente da Xunta... Como pasa o tempo!!