miércoles, 9 de junio de 2010

Folga de Funcionarios...

Ai, meus!

Dado o estado do Estado... empezo a entender que os funcionarios fagan folga. Realmente, son os únicos que poden permitirse o luxo de facer estas cousas. Pensade por un momento...

1. Teñen un curre asegurado. Gañado logo de moito esforzo, e unha oposición, si. Pero asegurado. Non quedarán sen traballo por un día de folga.

2. Vale, quitáronlles un 5% do soldo por decreto. Pero... o mes vindeiro cobrarán a paga extra. Seguro que a cobrarán, e... a extra repartida ao longo de todo o ano fai que tampouco se note tanto o recorte. Recordade que todos os meses cobran, e cobrarán ata que se xubilen.

3. Vimos aos funcionarios na rúa. Protestando. Vivindo a súa xornada de loita, e non con esas caras, ás que nos teñen afeitos, de mala gaita.

Cando son os funcionarios dun Estado, os que teñen que protestar, algo vai moi mal.

Os traballadores da empresa privada non se atreven a dicir nada porque... lles podería costar máis do que gañarían. (O traballo)

Os parados, están tan parados que... non teñen nin esma para protestar. (Ademais, estase ben cobrando o paro, e logo... xa verán)

Os xubilados, prefiren non protestar porque... as cousas sempre poden ir a peor, e recordan os tempos da guerra e da post-guerra. (E precisamente por todo o que viviron son os que máis saben de apretarse o cinto, xa viviron tempos peores ca estes).

A xuventude instalada no estado do benestar (pagado polos pais) non sabe protestar, se non é porque lles limitan a zona de botellón, e cando están "embotellados"... xa non protestan.

E así chegamos ao estado actual... Os funcionarios facendo folga!!!

Unhas preguntas moi maliciosas... notouse moito? Teñen hoxe máis maniotas por terse movido máis do acostumado onte? Cren que lle fixeron a puñeta ao Estado, ou pola contra fixéronlle un favor? (Este día de traballo non o cobrán, os cartos van para as arcas públicas; o seguimento non chegou ao 50%, o goberno pode entender que... nin os que poden protestan, co cal... teñen carta branca para facer o que lles rote; Os sindicatos montaron a folga co cal... xa teñen cuberto o seu expediente, e seguir no seu).

Non sei, todo isto é complexo e complicado, pero... tal e como están as cousas, eu faría folgas á xaponesa. Si xa sei que é moi cansado, pero... polo menos o traballo estaría feito, e non teríamos que escoitar iso de... "Vuelva usted mañana"

jueves, 27 de mayo de 2010

Tomando conciencia do que é a coherencia

Ola meus e miñas,
Xa hai longo tempo que non escribo nada.
Agora estou nun momento de case impás. Case... porque levo moito tempo metida neste choio, impás, porque non dou atopado o meu sitio, o meu lugar, o meu lar.
Ben, xa teño casa. Iso... coido que xa volo contara, non? Se non é así, aí vai o notición: "XA TEÑO CASA". Xa vai para cinco meses que estou a pagar o aluguer, polo menos. E cada día, grazas a non sei que/quen, vai tendo máis pinta de fogar.
Xa están instaladas as teles (foi o primeiro), xa teño cama e mais sofá (viñan coa casa), xa teño estanterías onde colocar o mundo de libros e caralladas que almaceno co paso do tempo, e xa teño armario onde gardar esa morea de roupas dun mundo de tallas, que... algún día terei que tirar!!.
Agora ando metida no duro traballo de elexir fotos para montar os cadros que decoraran a parede de diante do sofá, detrás da tele. Moitas de paisaxes que visitei, outras nas que saio eu retratada, e as menos, reproduccións dalgún artista que nalgún momento chamou a miña atención.
Esta fin de semana promete ser apoteósica, porque comprometinme comigo mesma a pendurar todos os cadros, a colocar cada cousa no seu sitio, a planchar a roupa e gardala no armario, a pasar o aspirador catro veces se fai falla, a... facer da miña casa o meu fogar.
E para que todo este texto teña un chisco de coherencia co título... son consciente de que mentres non teña a miña paisaxe ordeada, non conseguirei poñer orde na miña cabeza. Serei coherente comigo mesma, preciso orden, limpeza e organización, aínda que as veces pareza que o fago todo á babalá.

miércoles, 14 de abril de 2010

Tal día como hoxe...

Un día coma hoxe, hai 14 anos, era domingo. Fun ao cine na rúa Aribau, no que só ten unha sala, diante do edificio novo da Universidade. Fun ver “Braveheart”, pese ao estupendo Mel Gibson, eu andaba a pensar noutras cousas. Ao meu carón, alguén estaba comendo as uñas (ou iso parecía). Collinlle a man. Aí comezou outra historia, allea á pantalla, da que agora, só queda un bonito recordo.

jueves, 28 de enero de 2010

Bonito recuerdo

Yo también me enamoré, pero... de aquello ya no queda nada, ni siquiera los papeles del divorcio, pues no sé si inteligentemente o no, ni me casé, ni tuve hijos, ni tampoco llegamos a compartir mucho más que divertidos momentos, paseos por la playa, o visitas nocturnas a castillos habitados por ideas fantásticas. La cuestión es que, después de doce años, aquello se acabó; y ahora me queda un bonito recuerdo.

viernes, 11 de diciembre de 2009

Case as tres da mañán...


Son case as tres da madrugada, bebín un vasiño de cocacola light, e xa está todo dito. Miro na tele un programa que pensei que me faría durmir, pola contra... aquí estou, escribindo no meu "esquecido" blog. Cando o inagurei, pensei que algo escribiría todos os días, logo... todas as semanas. Agora case me conformo con escribir algo de tanto en tanto. Non é que sexa moi dificil, o problema é que cando acordo... non teño tempo, e cando teño tempo... non acordo, ou non teño un pc, ou... non se me ocorre nada que dicir. E iso... que ideas teño, eh!
Ben, o dito, son case as tres da mañá, e hoxe hai que erguerse ás sete. Ao meu carón teño durmindo á xefa, apertada á súa cadela, e coa gata no colo. As tres durmen pracidamente. Todos durmen menos eu... só bebín un vaso de cocacola light.
Boas noites, bos días.

viernes, 13 de noviembre de 2009

7 anos... da "Morte da Costa"

Xa van alá 7 anos dende que o "Prestige" baleirou o seu contido nas augas do Océano Atlántico. 7 anos dende que a costa galega se tinguiu de negro, negro chapapote. 7 anos dende que as xentes de toda clase e condición se mobilizaron en Galiza para berrar "Nunca Máis". 7 anos de espera a que outro buque volva pasar polas nosas costas e volva causar outra desgraza, porque as nosas costas levan 7 anos agardando medidas efectivas para que isto non volva pasar. En 7 anos, Galiza incrementou o seu número de persoas en paro; Galiza incrementou o seu número de persoas emigradas; Galiza incrementou o número de persoas desilusionadas...
"Nunca Máis" foi un fito na Historia de Galiza, logo de 7 anos, agardo que o sentimento que se viviu naquel tempo siga vivo, para non ter que volver a berrar... NUNCA MÁIS!!!

O bo das cousas malas... é que teñen un final

Logo de algúns días sen escribir, por mor das complicacións laborals (tiven traballo) e das familiares (tiña aos meus tíos no hospital) parece que isto comeza a estabilizarse.
O traballo, estes días, esta estable... imos facendo, e onte déronme a boa nova que o sábado se acaba o suplicio de ir arriba e abaixo no hospital de Sant Camilo en Sant Pere de Ribes. Todos volven a casa.
Eu... xa estaba tremendo, porque a seguinte en pedir habitación era eu!! De tres persoas que viviamos na casa (a casa dos meus tíos, na que agora, e ata que me concedan o meu aluguer, estou de ocupa) dúas estaban ingresadas. Que podía pensar se non?
Ben, o caso, que as cousas volven ao seu rego. Que logo canda quen durmirá na súa camiña. E que, se Deus quer e o banco tamén, axiña terei o meu pisiño para poder instalarme en Vilanova i la Geltrú.
Non vos podedes imaxinar as présas que teño porque isto pase. Mirade se ando toliña polo novo piso, que ata lle comprei unha estantería xa!. E iso, que aínda non sei onde vou vivir. Pero había que aproveitar porque estaba a metade de prezo, só a semana pasada, e... cousas destas non se deben deixar pasar. Así, a decoración do comedor, sairame cun pouco de sorte, por 50 €, sen contar o que me pode custar o sofá, que... ese xa será outro cantar. Aínda que... hai moitas tendas polos arredores que están pechando e fan liquidación total. Será cuestión de ir mirando.
Xa vos terei informados cando vaian pasando cousas novas.