sábado, 5 de noviembre de 2016

A relatividade do tempo


2016, era o meu ano. Sabíao. Seleccionáranme a min, tras un riguroso casting físico e psicolóxico entre outros moitos candidatos para un importante estudo. Tratábase de tomar un fármaco psicoestimulante similar á anfetamina, e baixo os efectos desta dopaxe cerebral, eu tiña que facer vida normal. A que lle chamarían estes vida normal? 

Así que o martes tomei dous comprimidos de metilfenidato despois do almorzo. Tomeinos cunha mestura de curiosidade e medo, porque o día de antes non tiven nada mellor que facer que ler o prospeto, e alí viñan unha chea de efectos secundarios, pero aínda así, tomeinos. Unha hora máis tarde, chegaba ao traballo, e fíxenme un café con leite. Xa sabedes, un mundo de leite, e un chisco de café, para sacar o sono. 

Funo bebendo aos poucos, intercalando os traballos rutinarios. Un grolo mirando a bandeixa de entrada; outro grolo repasando os correos que tiña que contestar, e o derradeiro, ao enviar o report do día anterior ao xefe. O café, aínda estaba quente. 

Sen decatarme, xa estabamos a venres. Sorprendentemente, a semana pasara voando. Continuei metodicamente coa medicación, todos os días á mesma hora, tomaba as miñas dúas pastillas de metilfenidato, "Glups" como lle chamaba eu cariñosamente. Glups, porque ese era o ruido que facía eu cando as tomaba. Glups, porque metilfenidato soaba mal, moi mal, e o que eu tomaba, sentábame ben, moi ben. 

Logo de tres meses, un martes tamén, case queimo co café da mañá. Eu seguira a miña rutina, pero ao café non lle dera tempo de enfriarse. Cada día fago as cousas máis rápido, pensei. Chegado o día, volvín ao hospital, para facer as probas de control requeridas. Alí, ninguén sabía nada do estudo. Era o ano 2019, se é que o tempo é tan relativo...