jueves, 27 de mayo de 2010

Tomando conciencia do que é a coherencia

Ola meus e miñas,
Xa hai longo tempo que non escribo nada.
Agora estou nun momento de case impás. Case... porque levo moito tempo metida neste choio, impás, porque non dou atopado o meu sitio, o meu lugar, o meu lar.
Ben, xa teño casa. Iso... coido que xa volo contara, non? Se non é así, aí vai o notición: "XA TEÑO CASA". Xa vai para cinco meses que estou a pagar o aluguer, polo menos. E cada día, grazas a non sei que/quen, vai tendo máis pinta de fogar.
Xa están instaladas as teles (foi o primeiro), xa teño cama e mais sofá (viñan coa casa), xa teño estanterías onde colocar o mundo de libros e caralladas que almaceno co paso do tempo, e xa teño armario onde gardar esa morea de roupas dun mundo de tallas, que... algún día terei que tirar!!.
Agora ando metida no duro traballo de elexir fotos para montar os cadros que decoraran a parede de diante do sofá, detrás da tele. Moitas de paisaxes que visitei, outras nas que saio eu retratada, e as menos, reproduccións dalgún artista que nalgún momento chamou a miña atención.
Esta fin de semana promete ser apoteósica, porque comprometinme comigo mesma a pendurar todos os cadros, a colocar cada cousa no seu sitio, a planchar a roupa e gardala no armario, a pasar o aspirador catro veces se fai falla, a... facer da miña casa o meu fogar.
E para que todo este texto teña un chisco de coherencia co título... son consciente de que mentres non teña a miña paisaxe ordeada, non conseguirei poñer orde na miña cabeza. Serei coherente comigo mesma, preciso orden, limpeza e organización, aínda que as veces pareza que o fago todo á babalá.