jueves, 15 de octubre de 2009

Hoxe falaremos do outro lado...

Nos últimos post, falaba dalgunhas cousas do goberno, que se a subida de impostos, que se as viaxes do "presi", que se... Hoxe, falaremos da oposición. Menuda teñen liada!!!

Vénme á cabeza o caso "Gürtel", que vén sendo "correa" en alemán, e casualmente... un dos implicados, seica imputado, apelídase Correa. Non sei se terá que ver, ou foi unha casualidade... Hai moitas das cousas que están a pasar que non se entenden moi ben, e esta... podería ser unha máis. Polo medio desta historia hai coches, traxes, reloxios, agasallos varios, organización de eventos, etc. E sobre todo... moitos cartos, cartos públicos que foron parar a petos privados e non dun xeito moi lícito, ou polo menos cuestionable. Ademais, o Sr. Rajoy non sabe nin que facer; ou se o sabe... non o fai, coido eu. Como é posible que rañando un chisquiño sae un caso en Madrid, outro en Valencia, e algo en Palma de Mallorca? Como é posible que ninguén se responsabilice do que está a pasar? Como é posible que cando se fan enquisas de intención de voto, algúns sigan dicindo que Rajoy sería presidente do estado se se celebrasen mañán as eleccións?

Case prefiro que nos goberne Jaime Cantizano, que... está máis enterado das cousas que realmente lle importan á xente. E como ministros... pois todo o equipo de xornalistas do corazón, que o que non saben, invéntano; pero... dan explicacións de todo, de todos, dos porques, dos candos, dos comos, e dos con quen!! Coido que sería a única maneira de que o debate do estado da nación fose seguido por máis espectadores que un hipotético Brasil-España na final do Mundial de Sudáfrica. Pero, de futbol, xa falarei outro día.

miércoles, 14 de octubre de 2009

E Zapatero... na Casa Branca

Estes días é noticia que Zapatero, Xosé Lois Rodríguez Zapatero, visitou a Casa Branca. Foi ver o recén nomeado Premio Nobel da Paz, Barak Obama, e... onde está a noticia?
Que Bush non o convidaba a comer galetas e este si? Que agora España xa é importante porque nos convidan á Casa Branca? Soluciona isto os problemas dos habitantes deste estado chamado España?
Non perdamos o mundo de vista. Zapatero foi alá, porque dentro de pouco vai ser o "Presidente dos Europeos", ese cargo que debe ser tan... non sei como nomealo, que cada seis meses vai pasando dun estado a outro.
O dito, que non perdamos o mundo de vista, e que se Zapatero vai á Casa Branca, eu esta fin de semana estiven na casa dos meus pais, que para min son moito máis importantes que Obama, e non por iso saín en todos os telexornais.

viernes, 9 de octubre de 2009

A subida do IVE...

O da subida do IVE... a quen lle estrana? Algo había que facer para recaudar os cartos que "tan alegremente" se gastaron tapando os buratos de empresas privadas que ameazaban con marchar (deslocalizacións das empresas do sector automobilistico, por exemplo), ou aquelas que ameazaban con non prestar nin un euro (os bancos, que á súa vez perderon os cartos "xogando" á bolsa, inflando globos, e créndose as súas propias mentiras). Eses cartos que saíron de "Papá Estado", que saíron dos petos de todos os contribuíntes, non volverán por arte de maxia, volverán, se cadra, subindo os impostos como o IVE, os impostos indirectos, as plusvalías, e un mundo de impostos máis con nomes imposibles. A culpa é deste goberno? Nin si, nin non. O capital que hai a nivel mundial é un, é dicir, a cantidade de recursos é unha e non se pode estirar como o chicle. Se a riqueza do mundo está en mans de poucas persoas (grandes multinacionais, maioritariamente), moitas persoas serán pobres. Que hai que facer para que os pobres non sexan tan pobres? Que os ricos... non sexan tan ricos. A fórmula é así de sinxela, mágoa que aínda non din coa variña máxica que poña iso en funcionamento.

Pensemos por un momento que tería pasado se os gobernantes non tiveran actuado como o fixeron? As empresas automobilísticas terían marchado a países onde os custes fosen menores, e os traballadores de aquí terían quedado en paro, un paro que igualmente tería que ter pagado o estado, non? É dicir, que os cartos se terían gastado igual, pero... sen esperanzas de que se seguisen xerando máis. E outro tanto cos bancos... Os bancos son negocios, que se vén que van perder cartos... non os prestan, e se non os prestan... haberá quen quede sen o préstamo para botar adiante unha empresa, ou para mercar un piso, ou para facer aquelo que tanto lle apetecía facer, sen contar que... se os bancos non traballan, tamén hai un mundo de persoas que poden ir dar a petar na cola do paro.

E que conste que non xustifico a subida de impostos... que tamén me tocará pagar!!!

lunes, 5 de octubre de 2009

O prometído... é débeda!!


Meus e Miñas,
Xa chegou, xa está aquí, xa podo sentar nela... a cadeira nova!!!
A verdade é de agradecer poder poñer as miñas posadeiras nunha cadeira nova, sen baches, sen rotos, sen medo a que se descoloque no primeiro movemento...
Ata é xeitosiña, que opinades?
Dentro duns días, contareivos as miñas opinións sobre ela, porque hoxe... aínda non estiven sentada o tempo suficiente como para valorala.